Loading...

Elsinor no Finis Terrae

Estudos transversais sobre teatro galego

by Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes (Volume editor)
©2022 Edited Collection XII, 520 Pages

Summary

«This book offers an excellent gathering of research and perspectives, creating an innovative polyhedron to approach both the traditional and the new realities of the Galician stage. Indispensable not only for theatre scholars but also for research on any period of Galician literary history.»
(Iolanda Ogando, University of Extremadura, Spain)
«A volume that offers an overview of the most recent research on Galician theatre. In addition to including studies on dramatic literature and bringing to light unpublished texts, it presents works that review the dramatic historiography, that value the philological criterion in the processes of production or that make visible the work of women in theatrical creation.»
(Eugénia Vasques, Lisbon’s Film & Theatre School, Portugal)
Nas últimas décadas, a produción teatral galega diversificouse de modo notábel relativamente ás propostas, temáticas e estéticas presentadas ao público, ben como no que atinxe aos modelos de xestión das unidades de produción. Ao mesmo tempo, os estudos globais do feito escénico ultrapasaron os límites tradicionais do paradigma filolóxico para proxectaren olladas máis escenocéntricas ou asentadas no cruzamento das dimensións literaria e espectacular.
Nun marco como o descrito, este libro presenta un mosaico de perspectivas e analistas que, en conxunto, pretenden oferecer unha visión transversal e actualizada do teatro galego. Así, á recuperación de textos esquecidos de autores canonizados ou á necesaria revisión da historiografía dramática acrecéntanse capítulos sobre a edición, a tradución literaria e escénica, as relacións do teatro galego con outros xéneros e outros sistemas, a intervención das mulleres no campo escénico ou o grao de fidelidade ao criterio filolóxico nos procesos de produción espectacular.

Table Of Contents

  • Cobertura
  • Título
  • Copyright
  • Sobre o autor
  • Sobre o livro
  • Este eBook pode ser citado
  • Índice
  • Lista de figuras e tabelas
  • Presentación do editor
  • Parte I Recuperación de textos inéditos de autores canonizados
  • Eduardo Pondal, dramaturgo: María de Lebosende (Breve cuadro dramático) (Manuel Ferreiro)
  • O teatro ignorado de Daniel Cortezón: O cego e O renarte Ciprián (Teresa López)
  • Unha obra teatral inédita de Manuel María (María Pilar García Negro)
  • Parte II Historiografía dramática
  • Panorama crítico da historiografía teatral galega (1978–2020) (Henrique Rabuñal)
  • O teatro galego do último terzo do século XX: unha proposta de revisión historiográfica (Inmaculada López Silva)
  • Parte III Mulleres no teatro galego
  • Pioneiras no teatro galego despois da ditadura franquista. A construción de espazos para a muller (Roberto Pascual)
  • Parte IV Investigacións sobre dramaturxia e posta en escena
  • Manuel Casado Nieto e unha peza esquecida do teatro galego de preguerra: Amor y-Eleuciós (1930) (Emilio Xosé Ínsua)
  • A materia de Bretaña no teatro galego (Leticia Eirín)
  • A relevancia da lingua da música na cadea de produción do sistema teatral galego do século XXI (Luís Miguel Antelo Lema)
  • Parte V Edición e tradución
  • A colección Teatro Galego da editorial Pico Sacro (Carme Fernández Pérez-Sanjulián)
  • Trazos e pegadas: documentando o teatro irlandés na escena galega (Elisa Serra Porteiro)
  • A literatura dramática traduzida no campo editorial galego (1978–2008) (Roberto Samartim)
  • Parte VI Relacións interxenéricas e intersistémicas
  • O(s) imagotipo(s) do galego no teatro popular portugués desde 1755 aos comezos do século XX (Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes)
  • A teatralidade na prosa de Álvaro Cunqueiro dende a perspectiva da tradución. Xente de aquí e acolá en castelán, inglés e polaco (Maria Filipowicz-Rudek)
  • Detrás das palavras e das imagens: Cruzamentos entre poesia e teatro na trajetória de Alfonso Pexegueiro (Isaac Lourido)
  • Máscara e identidade no cinema de Stanley Kubrick (Euloxio R. Ruibal)
  • Parte VII Educación teatral
  • Para unha Historia da Educación Teatral en Galicia. Fíos e posibilidades (Manuel F. Vieites)
  • Autoras e autores do volume
  • Índice temático
  • Obras publicadas na série

←viii | ix→

Figuras e tabelas

Figuras

Figura 1: Primeira páxina do dactiloscrito da obra. Fundación Manuel María.

Figura 2: Malbarate: Xogos á hora da sesta, de Roma Mahieu. De esquerda a dereita: Rosa Álvarez, Xosé Vilarelle, Marisa Soto, Xan Cejudo, Mabel Rivera, Josito Porto, Marcos Vieitez. Arquivo persoal de Mabel Rivera.

Figura 3: Mabel Rivera como Angèle en Inventarios de Philippe Minyana (1992). Arquivo particular de Mabel Rivera.

Figura 4: Mabel Rivera como Rieira en Xogos de damas de Ánxel R. Ballesteros. Arquivo particular de Mabel Rivera.

Figura 5: Cadro de declamación do Centro Cultural Deportivo Caldelés. El Pueblo Gallego (Vigo), 14-8-1930, 8.

Figura 6: Dedicatoria manuscrita de Casado Nieto aos lectores, na contracapa de Amor y-Eleuciós (1930). Arquivo particular de Emilio Xosé Ínsua.

Figura 7: Capa interior de Amor y-Eleuciós (1930). Arquivo particular de Emilio Xosé Ínsua.

Figura 8: Vista de Castro Caldelas a comezos do século XX reproducida en Dos días en Orense de Álvaro das Casas (1928) .

Figura 9: Romaría ás covas do demo (1975) de Manuel Lourenzo. Colección Teatro Galego de Pico Sacro.←ix | x→

Figura 10: Produção anual da LDT (1978– 2008) segundo a editora.

Figura 11: Orçamentos da XG destinados à tradução de/ para galego (1998– 2008).

Figura 12: Relação público- privado na edição de LDT (1978–2008).

Figura 13: Tipologia da edição de LDT por subperíodos (1978–2008).

Figura 14: Editoras e línguas de partida na LDT (1978–2008).

Figura 15: Línguas de partida e tipologia público- privada da LDT (1978–2008).

Figura 16: Produção anual da LDT segundo a língua de partida (1978–2008).

Figura 17: Distribuição das línguas de partida da LDT (1978–2008).

Figura 18: Marco teórico. Elaboración propia.

Figura 19: Orientacións da educación teatral. Elaboración propia.

Figura 20: Oito variables en educación dramática/ teatral. Elaboración propia.

Tabelas

Tabela 1: Pessoas autoras e tradutoras de LDT procedente do francês (1978–2008)

Tabela 2: Pessoas autoras e tradutoras de LDT procedente do castelhano (1978–2008)←x | xi→

Tabela 3: Pessoas autoras e tradutoras de LDT procedente do inglês (1978–2008)

Tabela 4: Pessoas autoras e tradutoras de LDT procedente do italiano (1978–2008)

Tabela 5: Pessoas autoras e tradutoras de LDT procedente do latim e do grego (1978–2008)

Tabela 6: Pessoas autoras e tradutoras de LDT procedente do alemão (1978–2008)

Tabela 7: Pessoas autoras e tradutoras de LDT procedente de catalão e outras línguas (1978–2008)

Tabela 8: Xente de aquí e acolá: etnoculturemas médicos

Tabela 9: Carrexo de Fontes: topónimos en versións galega e castelá

Tabela 10: Carrexo de Fontes: topónimos en versións inglesa e polonesa

Tabela 11: Merlo de Lousadela: antropónimos

Tabela 12: Lomas de Noceda: fontes da oralidade←xi | xii→

Presentación do editor

[C]‌onsideramos que calquera aproximación á obra de arte realizada con honradez e cunha metodoloxía clara e consecuente servirá para axudar a comprendermos e gozarmos do extraordinario fenómeno que é a creación.

– Laura Tato

O camiño foi aberto hai xa algún tempo por persoas que se debruzaron na investigación, documentación e difusión da actividade escénica galega. Desde a Memoria crítico-bibliográfica sobre el Teatro Regional Gallego (1913) de Uxío Carré Aldao ás valiosas investigacións da autora da cita inicial desta presentación ou do recentemente desaparecido Francisco Pillado Mayor, houbo animosos e destemidas que teimaron en dignificar –desde o ollar académico, a divulgación na imprensa diaria, a formación, a preservación do acervo teatral…– unha das actividades culturais que figuran entre os elementos máis entrañados da cultura galega. Unha cultura, a deste antigo Finis Terrae, permanentemente acosada desde fóra mais tamén desde dentro do propio espazo social a que pretende servir de factor de cohesión.

Aliás, nun momento de deriva e depreciación global de todo o relativo ao que tradicionalmente se denominaba “cultivo do espírito”, en que se banalizan e mercantilizan a cultura e as celebracións colectivas mediante os voraces mecanismos da lóxica da moda formulados por Gilles Lipovetsky e se ven demonizados os factores identitarios alternativos ao crecementismo e á globalización, este Elsinor atlántico está a vivir unha sorprendente densificación de propostas que propician o aparecemento no campo escénico de tensións de todo o teor –repertoriais, estéticas, de modelos de produción, de fórmulas de se relacionar co público, de faixas etarias…–, que, no fin de contas, axudan a consolidar e fortalecer o propio sistema teatral.

Á marxe dalgúns títulos anteriores que testemuñan unha actividade teatral en lingua galega de que non temos datos suficientes para a caracterizar, o teatro na lingua da Galiza emerxeu nas últimas décadas do século ←1 | 2→XIX co duplo obxectivo de, en primeiro lugar, reivindicar os valores da sociedade galega en contra dos clixés degradantes proxectados pola literatura española –nomeadamente a teatral– e, ao tempo, xerar unha literatura dramática galega culta que fose alén das manifestacións teatrais ou parateatrais populares –caracterizadas por non teren ningunha pretensión literaria nin de sobrevivencia no tempo.

Mais, no xeral, este teatro rexionalista do XIX non atinxiu nin o público vilego –pouco seducido polas manifestacións culturais na lingua do país– nin o rural –totalmente fóra do albo destes dramaturgos. Sería no seo das Irmandades da Fala, xa no século seguinte, onde se xestaría o proxecto dun auténtico teatro nacional galego, designio reiteradamente frustrado e con igual insistencia retomado por activistas da construción identitaria e da súa posta en valor como Antón Villar Ponte.

A irrupción do fascismo e a consecuente represión de todo aquilo que non se correspondese coa concepción nacional-católica dunha España unitaria, homoxénea e cunha única lingua de cultura –o castelán–, imbuída de atributos imperialistas, impediu calquera manifestación escénica en idioma galego que se afastase do marco folclorizante, costumista e, en moitos casos, vexante que o franquismo instituíra.

Non estraña, por tanto, que o movemento que levaría á refundación do teatro galego nacese nos finais da pasada década de sesenta nun contexto de contestación antifranquista en que se incorporaba a defensa identitaria galega –incluída a lingua propia– que o réxime ditatorial interditaba.

Iniciábase así un proceloso percurso que, conquista após conquista, deu en xerar un sistema teatral galego que iniciou o presente século cunhas regras de campo máis ou menos consolidadas e coas lóxicas pugnas polo capital simbólico posto en circulación.

Embora subsistan –e até aumenten– as ameazas de absorción da actividade cultural galega derivadas da globalización do consumo, da monetarización dos procesos creativos e da crecente presión imperialista sobre as culturas non hexemónicas, o teatro galego, como xa adiantamos, está a coñecer nos últimos anos unha estimulante proliferación de propostas e de tendencias que robustecen o sistema e parecen asegurar o necesario relevo xeracional.

←2 | 3→Igualmente, xunto a este revigoramento creativo temos asistido neste século a un proceso paralelo de diversificación das focaxes académicas do feito escénico, cada vez máis transversais e menos restrinxidas ao soporte literario.

Este volume nace co albo de servir de mostra desa transversalidade, recollendo un completo panorama das máis recentes investigacións sobre o teatro galego nas súas dimensións textual e performativa. Así, para alén de incluír estudos de títulos da literatura teatral galega e de dar á luz textos inéditos de autores canonizados, recóllense, por exemplo, traballos que revisan a nosa historiografía dramática desde a converxencia do literario e do escénico. Do mesmo modo, nos estudos que compoñen o libro crúzanse metodoloxías características dos estudos literarios con outras propias dun paradigma posfilolóxico que procura a autonomía do produto escénico. Destarte, achégase unha visión densificada do teatro galego, desde a escrita dramática á imagoloxía e á función identitaria, pasando polos estudos de xénero, que permiten visibilizar o traballo das mulleres na creación teatral. Aliás, aténdese ás relacións do teatro galego con outros xéneros e outros sistemas teatrais, ben como á fidelidade ao criterio filolóxico nos procesos de produción de espectáculos ou aos mecanismos de importación a través da tradución. A edición e a formación especializada de profesionais das artes escénicas completan este panorámica multiface da creación teatral galega. E aínda, a esta pluralidade de perspectivas foron acrecentadas outras diversidades, como a etaria, a xeográfica ou a relativa á vinculación co feito teatral.

A primeira sección do volume está integrada por tres traballos en que se dá noticia de textos dramáticos ignotos de grandes nomes de dous períodos diferentes da literatura galega contemporánea: os inicios da pasada centuria e os anos centrais da ditadura franquista –os inmediatamente anteriores á refundación do teatro galego da man dos colectivos teatrais do chamado teatro independente.

No primeiro deles, Manuel Ferreiro analiza os manuscritos do único proxecto teatral de Eduardo Pondal, que data nos primeiros anos do século XX e do cal apenas sabiamos que fora localizado por este investigador a través dunha breve referencia incorporada por Laura Tato na súa Historia do Teatro Galego. Das orixes a 1936. No traballo contextualízase esta tentativa dramática do poeta de Ponteceso –figura absolutamente central da ←3 | 4→renacenza literaria galega da altura– no marco do programa escénico da Escola Rexional de Declamación (1903–1905) e considérase que se trata da resposta patriótica de Pondal ao chamado de textos dramáticos realizado por ese colectivo.

Por súa vez, Teresa López estuda dous títulos de Daniel Cortezón totalmente desatendidos por parte da crítica literaria. O primeiro, O renarte Ciprián, figura na relación de obras do autor publicada en 2001 pola súa viúva, mais nunca coñeceu forma escénica ou libresca. O segundo, O cego, aínda que representado por un grupo amador en 2013, mantíñase até hoxe excluído da bibliografía crítica sobre Cortezón, por máis que todo indique que se trata do primeiro título dramático da súa autoría. López analiza a moi diferente natureza de ambos os textos –sátira literaria baixo a forma dunha farsa coral, nun caso, e exercicio de teatro simbólico en tres tempos, no outro– e achega argumentos para romper coa idea dominante de que a produción dramática de Cortezón está macizamente virada para o teatro histórico.

Case contemporánea das obras recuperadas por Teresa López é a peza igualmente inédita de Manuel María transcrita por Pilar García Negro que, con outro título, recibira unha mención na segunda edición do Premio Castelao de Teatro Galego (1965). O achado deste texto dramático na correspondencia mantida polo escritor Lois Diéguez con Manuel María permítelle á investigadora dar máis un paso no propósito de completar a extensa nómina de obras teatrais do escritor da Terra Chá.

O bloque dedicado á historiografía dramática inclúe un panorama crítico das investigacións realizadas até os nosos días, ben como unha proposta de reformulación das periodizacións do teatro galego contemporáneo e dos conceptos clasificadores empregados.

A exhaustiva revisión da produción crítica á volta da creación dramática galega é da autoría de Henrique Rabuñal, responsábel no seu momento por unha das primeiras teses de doutoramento sobre o teatro da Galiza. Neste traballo sinálanse os grandes focos de investigación sobre a materia e caracterízanse as diferentes achegas realizadas neste campo de estudo entre 1978, ano do aparecemento do primeiro número dos Cadernos da Escola Dramática Galega, e 2020, data de celebración do I Congreso Internacional do Teatro Galego. Rabuñal traza un cumprido panorama en que ←4 | 5→figuran máis de cento trinta investigadoras e investigadores, pondo o foco nas figuras fundamentais de Manuel Lourenzo, Francisco Pillado, Laura Tato, Dolores Vilavedra, Anxo Abuín, Carme Becerra e Manuel F. Vieites.

O seguinte traballo, asinado por Inmaculada López Silva, aposta en revisar as etapas estabelecidas pola crítica na historia do teatro galego dos últimos cincuenta anos, atendendo a criterios analíticos en que converxen as dinámicas literarias e as escénicas. Após argumentar a inoperancia diacrónica das análises tradicionalmente asumidas, López Silva propón ollarmos esta produción dramática a partir de tres factores que ela denomina “actitudes creativas”: unha primeira de orde ideolóxica, relacionada co grao de compromiso coa construción nacional galega e outras identidades que se foron incorporando ao debate público; outra de teor estético, que distribúe os axentes nun leque que vai desde as opcións de repertorio máis clásicas ás máis radicalmente disruptivas ou innovadoras; e, finalmente, unha terceira vinculada coas fórmulas e expectativas de consumo.

A perspectiva de xénero vén da man de Roberto Pascual, quen, a partir da experiencia de creadoras escénicas pioneiras –como a dramaturga Dorotea Bárcena, a compañía Teatro do Malbarate ou a directora Fernanda Lapa–, así como dos traballos das novas compañías de mulleres creadas na segunda década deste século, dá continuidade ás pesquisas iniciadas hai máis de vinte anos por Laura Tato para pór en valor a participación feminina no campo teatral galego, identificando as desigualdades presentes no mesmo e as diversas tomadas de posición destas artistas, que presentan propostas que resignifican os roles xenéricos, visibilizan a violencia machista ou dan protagonismo escénico a corpos non canónicos para o cisheteropatriarcado.

A seguinte subdivisión acolle tres investigacións sobre aspectos dramatúrxicos ou de posta en escena, combinando focaxes características dos estudos literarios con outras máis esceno-céntricas.

Emilio Xosé Ínsua inicia este segmento cun pormenorizado estudo das circunstancias que rodearon a escrita, estrea e publicación durante a chamada “dictablanda” española (1930–1932) da obra Amor y-Eleuciós de Manuel Casado Nieto, activista agrario-republicano de Castro Caldelas que presenta unha peza de teatro popular en verso cun evidente propósito instrumental de proselitismo anticaciquil. O pesquisador inclúe tamén unha valoración da eficacia pragmática deste emprendemento escénico.

←5 | 6→A seguir, Leticia Eirín revisa a presenza da materia de Bretaña no teatro galego do último terzo do século XX, centrando a súa análise na obra de dous grandes referentes do período, Roberto Vidal Bolaño e Manuel Lourenzo. Tras realizar o delineamento da penetración do ciclo artúrico na literatura galega no século XIX, Eirín estuda a apropiación realizada por estes autores das historias e dos personaxes daquel mundo mítico como recurso para abordaren a realidade da altura e presentaren a súa visión da Galiza.

Entrando enteiramente nos procesos de produción espectacular, Luís Miguel Antelo Lema reflexiona sobre el valor concedido polas compañías teatrais á lingua das cancións que inclúen nas súas postas en escena, para estabelecer conclusións relativas ao grao de adhesión á doxa histórica do sistema e de activismo en defensa da autonomía do mesmo en face do correlato español –posicionamentos vinculados, moitas veces, á modalidade repertorial a que se adscriben as producións do colectivo en cuestión.

A edición e a tradución protagonizan o seguinte bloque do volume, composto por tres traballos asinados, respectivamente, por Carme Fernández Pérez-Sanjulián, Elisa Serra Porteiro e Roberto Samartim.

No primeiro, a investigadora especializada na edición na Galiza examina –con apoio en entrevistas realizadas a protagonistas ou testemuñas desta iniciativa– o proxecto editorial da colección Teatro Galego da editorial Pico Sacro, desde a súa xénese e os criterios para a escolla dos títulos ás decisións de deseño da serie nun contexto tan específico como os inicios da transición á democracia. Aliás, repasa a vontade de intervención no espazo público dos seus promotores, ben como a recepción das obras publicadas e o seu impacto dentro do teatro galego da altura.

Desde a propia Irlanda, o traballo de Elisa Serra foca inicialmente a importación a través da tradución de obras dramáticas de autores irlandeses desde os primordios do século XX até á actualidade, ben como a función de espello e de revelación da cultura galega que estas importacións tiveron. Xa nesta centuria, constata unha maior incidencia das translacións na práctica escénica do que no campo editorial, subsistemas con moi diferentes prioridades a este respecto. Por esta razón, decídese a analizar as estratexias da tradución teatral destinada á escena atendendo a cuestións performativas –indo alén dunha visión estritamente texto-céntrica–, para o que se serve dos cadernos de ensaio de dúas encenacións baseadas en orixinais ←6 | 7→dramáticos de J. M. Synge: O mozo que chegou de lonxe (1987), con tradución de Alberto Avendaño, e A voda dos moinantes (1996), versionada por Xepe Casanova, producidas respectivamente polo Centro Dramático Galego e a Compañía de Marías.

O traballo de Roberto Samartim levanta un minucioso inventario da literatura dramática traducida para o galego entre os anos 1978 e 2008 e, a partir del, realiza unha análise relacional das institucións e axentes envolvidos, identifica os sistemas a que se recorreu en maior grao e describe algunhas das principais liñas de planificación en que se circunscribían estes procesos de incorporación de materiais dramáticos escritos orixinariamente noutra lingua.

O segmento máis achegado ás últimas interpretacións das chamadas “artes da presenza” –relacionadas, entre outras, coa ruptura de fronteiras xenéricas que caracterizan a arte contemporánea, a desconstrución formulada por Derrida ou as teorías hermenéuticas de Paul Ricoeur– é o dedicado ás relacións instersistémicas e interxenéricas.

As estratexias de análise específicas da imagoloxía literaria son aplicadas por Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes para o caso concreto da figura das persoas oriúndas da Galiza no teatro popular portugués desde a segunda metade do século XVIII aos comezos da centuria pasada, unha inxente produción non canonizada, mais enormemente popular –na súa dimensión escénica e textual– e asentada no día a día das cidades lusas que, por esta razón, orientou o gusto dos públicos. A partir do exame dun corpus heteroxéneo de cincuenta e oito títulos son definidos os atributos básicos do imagotipo e aqueles outros derivados da amplificación farsesca que caracterizou esta dramaturxia.

En face da construción do outro no teatro popular portugués, en títulos como Xente de aquí e acolá Álvaro Cunqueiro esforzouse en esclarecer a imaxe colectiva do pobo galego –a súa identidade– a partir dos trazos dos seus tipos máis populares e con apoio nos recursos propios da narración oral que o mindoniense tan ben soubo reelaborar literariamente. Partindo da metáfora do mundo como teatro, Maria Filipowicz-Rudek foca a teatralidade deste volume a partir do concepto de performativización da vida social de Samuel Weber e do “depósito performativo” definido por Jon McKenzie, e estuda tres traducións de Xente de aquí e acola –a autotradución ←7 | 8→cunqueirana ao castelán, a versión inglesa de Kathleen March e a translación para o polaco en que participou a propia Filipowicz– para comprobar as diferentes solucións adoptadas na transposición lingüística das pegadas da esencia da comunicación oral distintivamente galega recollidas por Cunqueiro, que a investigadora identifica como unha fonte potencial de teatralidade.

Por seu turno, Isaac Lourido atende no seu traballo ás interseccións contemporáneas entre teatro e poesía, ocupándose do caso concreto da hibridación de propostas escénicas baseadas na produción poética de Alfonso Pexegueiro –nomeadamente A illa das mulleres loucas– e dous títulos teatrais da súa autoría, a comedia Lapsus e o poema escénico Días lentos. Hikikomori, publicados en 2014. Con base nos postulados de Lehmann, Lourido constata a permeabilidade ás prácticas performativas non aristotélicas da produción poética de Pexegueiro –el propio declarado autor dramático encuberto. O paradoxo que, a este respecto, xorde nos espectáculos referidos asentado na prevalencia da palabra sobre a dimensión plástica esváese cando o analista patentea a fragmentariedade e o caos que caracterizan as propostas textuais en que aqueles teñen orixe.

Este seccionamento consagrado aos contactos intersistémicos e á contigüidade interxenérica féchase cun traballo de Euloxio R. Ruibal á volta da recorrente incorporación da máscara no cinema de Stanley Kubrick e a súa aplicabilidade como mecanismo expresivo propiciador do distanciamento e da alteridade ou como canle para introducir a dimensión dionisíaca en xogos de aparencias, provocación, ambigüidade e transgresión.

Manuel F. Vieites, até datas moi recentes director da Escola Superior de Arte Dramática da Galiza e grande especialista en pedagoxía teatral, pon o ramo ao volume cunha proposta metodolóxica para a construción dunha Historia da Educación Teatral deste confín atlántico con lingua de seu, ao tempo que fornece algunhas hipóteses con vistas ao estabelecemento de liñas de investigación e de grupos de traballo neste ámbito de estudo.

Eis as dezasete investigación que integran Elsinor no Finis Terrae. Estudos transversais sobre teatro galego. Con elas ambicionouse trazar unha panorámica rigorosa, heteroxénea e multifocal que contribuíse a elucidar a creación dramática na Galiza. Se, alén disto, o volume propiciar tamén o ←8 | 9→encontro con tradicións teatrais diferentes e con outros fines terrae, poderemos dar por sobradamente satisfeitos os nosos propósitos.

←12 | 13→
Manuel Ferreiro

Eduardo Pondal, dramaturgo: María de Lebosende (Breve cuadro dramático)

RESUMO
Neste contributo dáse noticia da existencia dunha obra teatral escrita por Eduardo Pondal. A incursión do poeta no mundo da dramaturxia é resposta ao chamamento feito en 1903 pola Escola Rexional de Declamación para os escritores galegos contribuíren coa súa pluma a arrequentar o repertorio da literatura dramática galega. Os materiais manuscritos conservados na Real Academia Galega, agora descritos e estudados, mostran a existencia dun primeiro proxecto inicial máis complexo, xunto cunha versión dramática simplificada, tal como reflicte a peza de case 600 versos, centrada nas saudades que sofre María, unha rapariga de Lebosende que sobrevive emigrada en Bos Aires.

PALABRAS CHAVE: Eduardo Pondal, Escola Rexional de Declamación, manuscrito autógrafo, teatro galego.

Details

Pages
XII, 520
Year
2022
ISBN (PDF)
9781800797130
ISBN (ePUB)
9781800797147
ISBN (Softcover)
9781800797123
DOI
10.3726/b19161
Language
Spanish; Castilian
Publication date
2022 (September)
Keywords
Actualización da historiografía teatral e novos ollares sobre o teatro galego Estudos transversais da produción espectacular na Galiza Relacións do teatro galego con outros xéneros e sistemas teatrais Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes Elsinor no Finis Terrae
Published
Oxford, Bern, Berlin, Bruxelles, New York, Wien, 2022. XII, 520 p., 8 il. en color, 12 il. blanco/negro, 12 tablas.

Biographical notes

Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes (Volume editor)

Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes é doutor en Filoloxía Galego-Portuguesa e professor titular da Universidade da Coruña. Tamén realizou estudos escénicos e traballou no teatro e no audiovisual. Presentemente é membro da Academia Galega de Teatro e secretario da Revista Galega de Filoloxía. Integrado no Grupo de Investigación ILLA, na actualidade é investigador principal do proxecto de I+D+i «Recuperación do Patrimonio Teatral de Galicia IV (1936–1973): Emigración, exilio e resistencia interior». En 2016 obtivo o XXI Premio Ricardo Carvalho Calero de Investigación Lingüística ou Ensaio pola biografía do director do Conservatorio Nacional Galego das Irmandades da Fala (Fernando Osorio do Campo. Unha vida sen treguas) e desde 2017 dirixe a serie de teatro galego da Biblioteca- Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor. Entre outros, é autor de Leandro Carré. Teatro recuperado (2011), Un país desde as táboas. 125 anos de teatro galego (2008) ou A Escola Dramática Galega na configuración do sistema teatral (2007).

Previous

Title: Elsinor no Finis Terrae
book preview page numper 1
book preview page numper 2
book preview page numper 3
book preview page numper 4
book preview page numper 5
book preview page numper 6
book preview page numper 7
book preview page numper 8
book preview page numper 9
book preview page numper 10
book preview page numper 11
book preview page numper 12
book preview page numper 13
book preview page numper 14
book preview page numper 15
book preview page numper 16
book preview page numper 17
book preview page numper 18
book preview page numper 19
book preview page numper 20
book preview page numper 21
book preview page numper 22
book preview page numper 23
book preview page numper 24
book preview page numper 25
book preview page numper 26
book preview page numper 27
book preview page numper 28
book preview page numper 29
book preview page numper 30
book preview page numper 31
book preview page numper 32
book preview page numper 33
book preview page numper 34
book preview page numper 35
book preview page numper 36
book preview page numper 37
book preview page numper 38
book preview page numper 39
book preview page numper 40
534 pages