O verbo na variedade galega do concello de Castrelo do Val
Summary
Excerpt
Table Of Contents
- Cubierta
- Título
- Copyright
- Sobre el autor/el editor
- Sobre el libro
- Esta edición en formato eBook puede ser citada
- Índice
- 1 Introdución
- 1.1 O concello de Castrelo do Val e a comarca verinesa
- 1.2 A continuidade poboacional da comarca de Verín e a súa singularidade
- 1.3 Ubicación dialectal da fala do municipio de Castrelo do Val
- 1.4 Os obxectivos do traballo
- 1.5 Os métodos empregados na investigación
- 2 O verbo
- 2.1 Caracterización do verbo
- 2.2 Descrición morfolóxica
- 2.2.1 A vogal temática
- 2.2.2 O sufixo de modo e tempo
- 2.2.3 O sufixo de número e persoa
- 2.2.4 Paradigmas dos verbos regulares analizados morfoloxicamente
- 2.3 Verbos de irregularidade común
- 2.4 Os verbos anómalos ou de irregularidade propia
- 2.4.1 Andar
- 2.4.2 Caber
- 2.4.3 Caír
- 2.4.4 Crer
- 2.4.5 Dar
- 2.4.6 Dicir
- 2.4.7 Estar
- 2.4.8 Facer
- 2.4.9 Haber
- 2.4.10 Ir
- 2.4.11 Ler
- 2.4.12 Oír
- 2.4.13 Poder
- 2.4.14 Pór / poñer
- 2.4.15 Querer
- 2.4.16 Rir
- 2.4.17 Saber
- 2.4.18 Saír / Salir
- 2.4.19 Ser
- 2.4.20 Ter
- 2.4.21 Traer / tragher
- 2.4.22 Valer
- 2.4.23 Ver
- 2.4.24 Vir
- 3 Consideracións finais
- Bibliografía
1 Introdución
Esta investigación estuda o verbo na fala galega do concello de Castrelo do Val (provincia de Ourense) e, para iso, baséase no galego oral, especialmente, o dos falantes con pouca instrución escolar ou sen ningunha do municipio citado. Nesta introdución comezo por describi-lo concello de Castrelo do Val e a comarca da cal forma parte (1.1); sigo coa continuidade poboacional e a singularidade da comarca verinesa (1.2); trato a clasificación dialectal da fala investigada (1.3); explico os obxectivos do traballo realizado (1.4); e remato coa metodoloxía utilizada para levar a cabo a investigación (1.5).
1.1 O concello de Castrelo do Val e a comarca verinesa
O concello de Castrelo do Val forma parte da comarca natural e tradicional de Verín, a cal limita coa comarca portuguesa de Chaves. A comarca de Verín (ou de Monterrei) comprende os concellos de Laza, Castrelo do Val, Cualedro, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós. No mapa 1, pode verse a ubicación dentro de Galicia desta comarca e do municipio de Castrelo do Val. O concello de Castrelo do Val é o número 308. O resto dos municipios da comarca de Verín son: Laza (291), Cualedro (305), Monterrei (306), Oímbra (307), Riós (311), Verín (309) e Vilardevós (310).

Mapa 1:Comarca de Verín e municipios de Galicia
(Fonte: Torres Luna e Pazo Labrador 1994).
En 1986, constituíuse a Mancomunidade de Monterrei integrada polos 8 concellos que forman parte do partido xudicial de Verín (Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós) e por A Mezquita e A Gudiña. Estes dous últimos concellos deixaron pronto de pertencer a esta estrutura administrativa e, en 1995, o concello de Riós tamén fixo o mesmo (Dasairas Valsa 1999: 12).
O concello de Castrelo do Val limita cos concellos ourensáns de Vilariño de Conso, Laza, Vilardevós, Verín, Riós, A Gudiña e Monterrei. A súa extensión é de 118 km². A ubicación do municipio de Castrelo do Val e da comarca de Verín no sueste da provincia de Ourense ten repercusións lingüísticas, xa que a fala desta comarca presenta algúns trazos lingüísticos orientais e meridionais.
O concello de Castrelo do Val, situado no sueste da provincia de Ourense, pasou a te-la denominación de Castrelo do Val en 1842, ano en que se engadiu do Val para diferencialo doutros concellos.
O territorio do concello tivo outras denominacións: en 1821 levaba o nome de concello de Gondulfes, en 1822 o territorio actual do municipio estaba partido en dous concellos (Castrelo e Gondulfes). A denominación Castrelo para o territorio actual do municipio fixouse en 1835. Deste concello formaban parte as seguintes parroquias (Fariña Jamardo 1993: 56–57): Santa María de Castrelo (da antiga xurisdición de Monterrei), San Salvador de Nocedo (da antiga xurisdición de Monterrei), Santa Cruz de Gondulfes (da antiga xurisdición de Gondulfes), San Xoán de Servoi (da antiga xurisdición de Servoi), San Vicente de Pepín (da antiga xurisdición de Gondulfes), Santiago de Campo de Becerros incluíndo Sanguñedo e Veiga de Nostre (da antiga xurisdición de Laza do Conde), San Miguel de Portocamba (da antiga xurisdición de Laza do Conde e don Diego) e Santa Eufemia de Piornedo (da antiga xurisdición de Piornedo).
En 1835, conformáronse tamén os municipios actuais da comarca verinesa ou de Monterrei. O partido xudicial pasou a chamarse partido xudicial de Verín en lugar de partido xudicial de Monterrei en 1834 (Fariña Jamardo 1993: 56–57).
Houbo loitas entre lugares do mesmo concello pola capitalidade municipal. O máis destacable neste sentido foi a perda de capitalidade da Xironda. A capital do concello pasou a ser Cualedro en 1897 (Dasairas Valsa 1999: 11–12).
O municipio de Castrelo do Val está formado por 16 entidades de poboación e nel poden facerse catro subdivisións fundamentais: o val, a parroquia de San Xoán de Servoi, a parroquia de Santa Eufemia de Piornedo e a antiga parroquia de Santiago de Campobecerros. En Alonso Núñez (2013) móstrase que estas subdivisións xeran converxencias lingüísticas no municipio de Castrelo do Val.
A rede de puntos da miña investigación abrangue tódolos lugares do concello de Castrelo do Val (véxase mapa 2). Os lugares aparecen citados a continuación xunto coa abreviatura que uso nos cadros para identifica-los informantes: Po = Portocamba; Ca = Campobecerros, Sa = Sanguñedo, VN = Veiga de Nostre, Fo = Fontefría, Vi = Vilar, Se = Servoi, SP = San Paio, Pi = Piornedo, MV = Monteveloso, Pe = Pepín, Ri = Ribas, Go = Gondulfes, Ma = Marbán, No = Nocedo e CV = Castrelo do Val.

Mapa 2:Puntos de Castrelo do Val.
No val, debeu predominar dende hai bastante tempo a agricultura sobre a gandería mentres que no resto do concello, ata o desartellamento na actualidade das estruturas agrarias tradicionais, houbo un maior desenvolvemento da gandería. No val, os lugares de poboación están máis próximos entre si e teñen menos terras comunais. Bouhier (2001: 1366–1276) considera que o aproveitamento da terra inculta constituíu o cerne do complexo agrario galego, porque permitía abrir novas terras, descansar a terras moi cultivadas, obter leña, obter materiais de construción, etc.
O val do municipio de Castrelo do Val está formado polas parroquias de Santa María de Castrelo do Val, San Salvador de Nocedo do Val, San Vicente de Pepín (lugares de Pepín e Ribas) e Santa Cruz de Gondulfes (lugares de Gondulfes e Marbán).
A parroquia de San Xoán de Servoi está composta polos lugares de Servoi, San Paio, Vilar e Fontefría. Neste último, non se cultiva a vide; no resto da parroquia e no val si.
Da parroquia de Santa Eufemia de Piornedo forman parte dous lugares: Piornedo e Monteveloso. Neles non se cultiva a vide. Esta parroquia pertence e pertenceu ó arciprestado de Riós mentres que o resto do municipio de Castrelo do Val pertence e pertenceu ó arciprestado de Laza (Torres Luna e Pazo Labrador 1994: 356 e 358).
A antiga parroquia de Santiago de Campobecerros é a máis norteña e comprendía os lugares de Campobecerros, Sanguñedo e Veiga de Nostre. Ademais, tiña e ten como parroquia anexa San Miguel de Portocamba. En todos estes lugares predomina a gandería e, neles, non se cultiva a vide, excepto en Veiga de Nostre. Este último lugar pertenceu tradicionalmente á parroquia de Santiago de Campobecerros (vid. Pazo Labrador e Santos Solla 1995: 244 e Madoz, s. v. Campo de Becerros) e esta é a razón que me leva a colocalo nesta subzona. Na reforma parroquial que se fixo a mediados do século XX, pasou a formar parte da parroquia de San Lucas de Parada da Serra1. De todos modos, desde que eu recordo a capela de Nosa Señora da Asunción de Veiga de Nostre é atendida polo párroco de Santiago de Campobecerros. Amais, o monte comunal de Veiga de Nostre está unido ó de Sanguñedo.
Details
- Pages
- 156
- Publication Year
- 2024
- ISBN (PDF)
- 9783631922477
- ISBN (ePUB)
- 9783631922484
- ISBN (Hardcover)
- 9783631918371
- DOI
- 10.3726/b22037
- Language
- English
- Publication date
- 2024 (October)
- Keywords
- Galego Gramática galega Dialectoloxía galega morfoloxía galega Flexión galega
- Published
- Berlin, Bruxelles, Chennai, Lausanne, New York, Oxford, 2024. 156 p., 10 il. blanco/negro, 36 tablas
- Product Safety
- Peter Lang Group AG